San Clodio inaugurará o mes próximo a terceira área de estacionamento de autocaravanas do sur lucense.
A terceira área de estacionamento de autocaravanas do sur da provincia -despois das de Monforte e A Pobra do Brollón- será inaugurada o mes próximo na capital do municipio de Ribas do Sil.
O novo recinto acaba de ser habilitado xunto á praia fluvial da localidade e a pesar de que só conta con tres prazas, o Concello espera que desempeñe un importante papel na dinamización turística da zona.
A construción do estacionamento, duns cen metros cadrados de superficie, foi financiada integramente pola área de Turismo da Deputación cunha subvención de 24.000 euros. «O tamaño é modesto, pero cremos que será un atractivo importante e calculamos que por esta área poden pasar en torno a cincocentas autocaravanas cada ano», apunta o tenente de alcalde Roberto Castro. «O autocaravanismo é unha forma emerxente de turismo que se concentra moito nos sitios que contan coas instalacións adecuadas e esta área está situada nunha zona con moito atractivo paisaxístico», engade.
Tres días de actividades
Polo momento, o goberno local espera que en San Clodio se concentre máis dun centenar de vehículos con motivo da inauguración da nova área, que se celebrará durante tres días, entre o 23 e o 25 de abril. As actividades para esas xornadas están sendo organizadas en colaboración coa Asociación Galega de Autocaravanas (Aga), que xa anunciou esta convocatoria en Internet e que está recibindo con tal motivo as chamadas de numerosos afeccionados. «Os directivos da Aga dixéronnos que a cita está despertando moita expectación, porque ademais esta será a primeira área de autocaravanas que se inaugura este ano en Galicia», comenta Castro.
O novo estacionamento ofrecerá só os servizos básicos propios destas áreas, ou sexa, un punto de abastecemento de auga corrente e de desaugue. A súa utilización será gratuíta, pero cada usuario só poderá permanecer durante dous días.
Fuente: La Voz de Galicia. es
No hay comentarios:
Publicar un comentario